Código Ético

CÓDIGO ÉTICO

Marea Pontevedra é unha cooperativa democrática cidadá radical fundada co propósito de presentar unha candidatura de unidade popular ás eleccións para renovar o concello de Pontevedra en maio de 2015. A pertenza a Marea Pontevedra implica respectar os acordos da súa asemblea e todos os seus membros se obrigan a traballar por un cambio profundamente participativo no concello, posto que xa só vale a política mancomunada entre homes e mulleres libres e solidarios; a traballar por un cambio profundamente democrático, que comeza na mesma escolla dos representantes a través dun proceso de eleccións primarias abertas á cidadanía; e mais a traballar por un cambio profundamente radical, concretado en políticas sociais, ambientais e de participación e transparencia en favor da ampla maioría.

DECÁLOGO

Como integrante de Marea Pontevedra, e nomeadamente sempre que aspire a representala en cargos públicos, comprométome a:
1- Acatar e manter durante a totalidade do mandato o compromiso adquirido ante os cidadáns que lle outorguen o seu voto á candidatura da Marea. Ese compromiso inclúe participar activamente nos ámbitos de adopción de decisións da Marea e obriga a asumir os seus acordos.
2- Aceptar que a pertenza simultánea a calquera dos partidos que lle prestan apoio (actual e-ou futuro) á Marea será sempre de inferior rango á da propia Marea.
3- Asumir que para ser candidato e, no seu caso, cargo electo da Marea é preciso gañar esa responsabilidade nunhas primarias abertas.
4- Rexeitar o transfuguismo, renunciando ao cargo en caso de perda fragrante de confianza, que deberá substanciarse nun referendo revogatorio. Para promovelo será preciso contar co apoio escrito do 40 por cento dos membros da Marea e, para outorgarlle validez á revogación, esta deberá contar cun mínimo do 60 por cento dos votos emitidos na consulta.
5- Esixir que calquera pacto posterior ás eleccións, ben para formar parte de coalicións de goberno, ben para prestar apoio externo a outros grupos municipais, ou ben para exercer a oposición, sexa sometido a aprobación por medio dunha consulta aberta aos membros da Marea.
6- Facilitar unha declaración con todos os ingresos, bens e rendementos patrimoniais, antes de asumir a condición de representante político, cada ano durante o exercicio do cargo, e finalmente ao remate do mesmo.
7- Aceptar o tope salarial que estableza a Marea, a prohibición de compaxinar máis dun cargo público e a renuncia a calquera privilexio xurídico ou material derivado da condición de representante. Velar, en todo caso, porque o tope retributivo entre os cargos electos, os postos de libre designación e os profesionais ou asesores externos sexa o do funcionario co salario máis alto.
8- Asumir a limitación do número de mandatos consecutivos nun mesmo cargo (dous) fixada pola Marea.
9- Render conta da xestión como cargo público ante os órganos da Marea (asemblea, coordinadora e grupo municipal).
10- Renunciar a intervir en calquera decisión con influencia no meu desempeño profesional ou no dos meus familiares directos. Ademais, ata dous anos despois do abandono do cargo, non ter ningún tipo de relación profesional ou laboral con empresas coas que asinase contratos durante a vixencia do mesmo.
Por todo o anterior, subscribo este compromiso en liberdade, entendendo todas as cláusulas que no decálogo devandito se sinalan e asumindo a súa defensa como mellor garantía para a construción dunha realidade social máis xusta e na que todos os cidadáns sexan máis libres. Para o cambio, e polo ben común.

(este Código Ético terá que ser subscrito por cada persoa candidata da Marea Pontevedra)

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*