Co ciclo da auga, O BNG de Pontevedra fai unha ‘privatización ao cadrado’

Marea Pontevedra critica que, á externalización do servizo por vinte anos, se lle unise a redacción dos pregos de licitación e a valoración técnica das ofertas.

A valoración que se fixo das ofertas presentadas á licitación do servizo de abastecemento de auga e saneamento é unha “privatización ao cadrado”, por canto amosa unha gran vocación privatizadora que levou a privatizar a privatización. Tanto os pregos coma a propia valoración se fixeron cunha empresa, Lagares Oca, que acumula un bo número de asistencias técnicas do Concello de Pontevedra. Chama a atención que o concello, que supervisa cun único técnico, o xefe da Oficina técnica de Medio ambiente, Infraestruturas e Enxeñería, lle deixe a voz cantante a dous técnicos da empresa. 

Ademais, eses técnicos converteron os pregos en plastilina, que aplicaron sobre o molde previo da empresa que levaba facéndose cargo do contrato da auga desde 1997. O resultado é que co seu informe, que debera ser neutral, concédenlle á actual concesionaria unha vantaxe en puntos (inicialmente 42,75 puntos sobre un máximo posible de 43,00, fronte aos 35,24 dos segundos) que practicamente neutraliza o que poida aparecer tras a apertura das ofertas económicas (cun tope máximo posible de 57,00 puntos).

Non está de máis lembrar que a empresa, antes coñecida como Aquagest, estivo involucrada en toda a xeografía española en multitude de casos que acabaron nos tribunais, ao que reaccionou  cambiando o nome polo actual de Viaqua. Para Pontevedra non está claro que sexa bo negocio repetir unha concesión por vinte anos, unha duración coa que o propio Bloque foi moi crítico en 1997.

Volvemos a insistir en que o ciclo da auga, pola súa importancia na vida das persoas, debe estar á marxe da lóxica empresarial. Iso debería levar á aposta polo súa xestión directa, algo perfectamente posible, como recentemente nos amosaron o concello de Teo, cinco veces menor ca o noso, e o de Valladolid, tres veces maior. Esa aposta, no noso caso, sería aconsellable facela  mancomunadamente con outros concellos, como o de Poio.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*