Celia Abal: ‘O Concello de Pontevedra está tomándolle o pelo ás praceiras e ás consumidoras do Mercado de Abastos Municipal’

A praceira no Mercado de Abastos Municipal, Celia Abal, criticou duramente a xestión que o goberno de Pontevedra está realizando co gallo da organización do Multisport Festival.

O Multisport Festival que acolle Pontevedra durante as vindeiras semanas é un motivo de preocupación para moitos sectores da cidadanía pontevedresa , nomeadamente para as praceiras que ven dificultado o acceso da súa clientela habitual ao mercado.

‘É positivo que a nosa cidade acolla eventos tan importantes pero a organización ten que estar a altura e non pode esquecerse das persoas que vivimos e traballamos todos os días en Pontevedra’ manifestou a candidata de Marea Pontevedra despois de sufrir un retraso de máis de quince días na información de como este festival ía afectar ás consumidoras da Praza de Abastos.

O cabreo é xeral entre as vendedoras do produto fresco de maior calidade da nosa Pontevedra por unha situación, que podería terse evitado, e que dificultará e afectará negativamente ao comercio local ‘solicitamos do goberno uns folletos informativos para repartir con tempo a nosa clientela habitual para que souberan como acceder ao mercado nos días das probas e os recibimos a dous días do comezo das mesmas. Así é imposible. É unha tomadura de pelo tanto para nós como para as nosas consumidoras’ rematou.

Marea considera que Pontevedra non pode esquecerse da súa xente para mellorar a súa visión internacional, para evitar a consolidación da Boa Vila como un escaparate que luce sempre de gala para os de fóra pero que baixa de nivel á veciñanza que a constrúe diariamente co seu esforzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*