Carmen Moreira solicita non ampliar a EDAR dos Praceres e iniciar un proceso de recuperación integral da Ría de Pontevedra

A Concelleira de Marea Pontevedra, Carme Moreira, rexistra unha moción para evitar a ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais da parroquia de Lourizán.

O pasado 21 de maio de 2018 o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, deu a coñecer á Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra o proxecto de ampliación dunha infraestrutura que terá o dobre de capacidaMade e ocupará o dobre de espazo nos terreos contiguos á actual, sempre e cando Costas autorice este situada en terreos que no seu día foron lámina de auga.

A depuradora leva funcionando dúas décadas (co resultado de que Pontevedra conta coas augas de peor calidade de toda a costa española), non respecta a distancia legal mínima das vivendas habitadas (de 200 metros), e ocupa terreos en dominio marítimo (cando a lei só autoriza facelo con instalacións que non poidan estar noutro lugar). Carmen Moreira, veciña da paroquia de Lourizán, deixou claro o seu malestar con esta proposta: ‘Non parece lóxico apostar pola ampliación dunha macro-depuradora que, ademais de ser claramente insustentable, constitúe un despropósito ambiental’.

O Concello de Pontevedra forma parte da comisión e aínda non se pronunciou sobre este proxecto e, posto que a EDAR dos Praceres esta situada no seu termo municipal, a moción solicita que faga pública a súa postura e decida se defende os intereses do municipio e os dereitos da súa veciñanza ou, como ata agora, continúa sendo unha especie de ONG de recollida de fecais para os concellos limítrofes, en detrimento da calidade de vida dos seus residentes, nomeadamente os de Lourizán. A propia Carmen Moreira recriminou a actitude do Concello de Pontevedra sempre que se fala de saneamento: ‘Non é lóxico que o Concello non diga nada mentres a depuradora dos Praceres recibe, ademais das de Pontevedra, as augas residuais de Poio, Marín, Vilaboa e Ponte Caldelas. Ademais da non ampliación tamén pedimos a redución da carga’.


PROPOSICIÓN

  • Instar ao Pleno do Concello de Pontevedra, a facer público o seu rexeitamento á ampliación da EDAR dos Praceres, evitando perpetuar un sistema desfasado e ineficaz, que vai en detrimento da calidade de vida da veciñanza e ten un enorme custe ambiental.
  • Instar a Xunta de Goberno Local a solicitar da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia o compromiso de reducir a carga que soporta actualmente a estación depuradora dos Praceres, limitándoa ás augas residuais que teñen orixe no termo municipal de Pontevedra.
  • Instar a Xunta de Goberno Local a solicitar a Costas que non autorice a ocupación duns terreos que foron lámina de auga para a ampliación mencionada, e mais para iniciar a recuperación do seu estado natural como parte da marisma de Lourizán e como o banco marisqueiro que foi no seu día.

RECOLLIDA DE SINATURAS

Na mesma liña da moción presentada por Carmen Moreira tamén existe unha petición de sinaturas promovida desde a parroquia para evitar que se leve adiante a ampliación.

Asina

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*