Carmen Moreira participará no encontro anual da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas

Unha trintena de representantes da política municipal galega acoden esta semana ao Parlamento Europeo. A deputada Lídia Senra organiza a visita. 

Case unha trintena de representantes da política municipal galega acudirán esta semana ao Parlamento Europeo. Farano nunha visita promovida pola eurodeputada galega, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, para participar no Encontro anual da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas. Alcaldes, concelleiros/as e persoas con responsabilidades relacionadas co eido local de diferentes puntos da Unión Europea reuniranse nas xornadas en Bruxelas o xoves e o venres para intercambiar experiencias e análises baixo o título de ‘Vivenda, progreso social e derrota ao fascismo. Comunidades locais para outra Europa’.

No programa do Encontro, haberá varios paneis de debate e coloquios. O primeiro deles terá lugar o xoves pola tarde, e estará centrado en ‘Vivenda social e especulación’. Nel intervirá a edil das Pontes, María Chao, que explicará a situación que se vive na Galiza, apostando por defender o acceso a unha vivenda digna para todas as persoas como un dereito humano. Chao falará sobre as zonas que máis padecen a especulación urbanística e apostará polo ordenamento do territorio, a rehabilitación, e a implantación de políticas de vivenda e alugueiro público como saída.

Xa o venres pola mañá, desenvolverase un panel sobre ‘Facéndolle fronte ás desigualdades e propagación do fascismo en toda Europa, a visión progresista das nosas comunidades locais’. Nel está previsto que dous concelleiros galegos realicen exposicións. Un será o edil de Teo, Ignacio Iglesias, que se centrará en explicar e denunciar a situación que se está a vivir no seu concello a raíz do proxecto de instalar unha planta de tratamento de residuos na antiga canteira de Casalonga, a costa do medio ambiente, da saúde e da calidade de vida das persoas e o papel que está a xogar o ente municipal e a mobilización social e veciñal. O outro galego será o tenente de alcalde de Ribadumia, Enrique Oubiña, que realizará unha intervención centrada na importancia de loitar por uns salarios dignos que permitan unha vida digna para todas as persoas en calquera punto da UE. O eurodeputado grego de Syriza, Dimitris Papadimoulis, introducirá este panel, no que tamén participarán o concelleiro de Palermo Giusto Catania; a candidata a alcalde en Salónica, Katerina Notopoulou; a escritora contra a extrema dereita, Nazanin Armanian; e o membro do AKEL chipriota, Stavros Yerolatsites. A eurodeputada francesa de Front de Gauche, Marie-Christine Vergiat, moderará o debate e a eurodeputada asturiana Ángela Vallina realizará as conclusións deste panel, para despois ser a galega quen se encargue de facer as conclusións xerais de todo o encontro de REALPE deste ano.

Máis información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*