Carmen Moreira: ‘Levamos máis de mes e medio agardando a que o goberno de Pontevedra mova o primeiro papel para a creación do Parque da Dignidade en Lourizán’

A falta de compromiso cos acordos plenarios do bloque de Lores abre a porta a que Costas remate por dar luz verde a concesión que solicitará a Xunta para ampliar a depuradora nos terreos contiguos a actual.

‘Os prazos en política sempre significan algo. A estas alturas en Lourizán resulta moi complicado crer nas casualidades’ manifestou a Concelleira de Marea Pontevedra, Carmen Moreira, sobre a demora na tramitación de todo o relativo a instalación do Parque da Dignidade dos Praceres.

O certo é que por incompetencia ou por desleixo do goberno a veciñanza de Lourizán ten que seguir agardando pola creación desta zona de lecer, aprobada polo pleno para antepoñerse as intencións da Xunta de Galicia de ampliar a macrodepuradora dos Praceres nos mesmos terreos. ‘Levamos máis de mes e medio agardando por un goberno que non da nin un so paso para a creación deste parque. O señor Demetrio igual esta cómodo agardando a que a Xunta amplie a depuradora, pero a veciñanza está máis que preocupada ante unha situación que xa viviron cando instalaron o ferrocarril. Logo dirán que non teñen competencias, que foi culpa da Xunta e outras escusas que xa coñecemos’.

A moción aprobada, unha petición da veciñanza, empraza ao Concello de Pontevedra a presentar un proxecto a Costas para que este organismo autorice unha actuación de interese xeral e que mellore a calidade de vida da xente da parroquia. Ademais, esta autorización dificultaría a obtención dos terreos por parte da Xunta de Galicia para levar a cabo o anteproxecto do emisario, que recolle unha ampliación de 1300 metros cadrados e de 7 metros de altura. Esta estación de carga e bombeo eliminaría a única fachada litoral coa que conta a maltratada praza dos Praceres, ‘demasiado castigo para unha contorna que no seu día foi todo praia’ rematou Moreira.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*