Carmen Moreira: ‘Apostamos por garantir a accesibilidade universal no Concello de Pontevedra’

A concelleira de Marea Pontevedra, Carmen Moreira, rexistra unha moción esixindo ao goberno local o cumprimento da legalidade en materia de accesibilidade, para ‘garantir os dereitos de todas as persoas da nosa cidade’ 

O Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, que aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, establece o 4 decembro de 2017 como prazo máximo para garantir as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación no acceso e utilización dos bens e servizos de titularidade privada a disposición do público polas persoas con discapacidade, e mais no acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados e edificacións’.

A concelleira afirmou que aínda queda moito para poder falar da Boa Vila como unha cidade plenamente accesible: ‘En Pontevedra, a transformación urbana ten pendente completar as actuacións que garantan o cumprimento do prazo de referencia’. Presentan eivas neste sentido locais de propiedade pública,  establecementos de titularidade privada de uso público, como a  hostalería, os comercios ou os locais de ocio e mais os edificios de titularidade privada ou comunidades de propietarios.

No Concello de Pontevedra, cunha poboación de 82.946 persoas había, en 2015, 3.489 homes e 4.074 mulleres con algún tipo de discapacidade, segundo o censo da Xunta de Galicia. Marea Pontevedra presentou esta iniciativa para garantir o dereito das persoas con discapacidade a  gozar dunha vida digna e o máis autónoma posible, en vivendas e servizos adaptados: ‘apostamos pola accesibilidade universal, real e inclusiva, ante as barreiras de diverso tipo que aínda existen no termo municipal’ concluíu Carmen Moreira.


PROPOSICIÓN

  • Elaborar un Plan de supresión de barreiras, consensuado e participado por todos os actores implicados (colectivos de persoas con discapacidade, equipos técnicos e administracións).
  • Ese Plan implicaría:
    • Facer un estudo técnico de accesibilidade real, determinando a situación actual dos servizos e edificacións neste Concello.
    • Establecer axudas, subvenciones, exencións ou reducións de taxas ou impostos a aquelas empresas e comunidades de propietarios que favorezan a accesibilidade.
    • Promover a concienciación social e o fomento e promoción da accesibilidade entre os comerciantes, hostaleiros e propietarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*