As mortes de dous “sen teito” evidencian un tráxico fracaso

Luís Rei: “Cada vez é máis urxente impulsar un xiro social no concello de Pontevedra”.

Hai xa máis dun ano, no pleno de decembro de 2015, o Grupo Municipal de Marea Pontevedra pediu por medio dunha moción que se ampliase o número de prazas de aloxamento para persoas sen teito e se incrementase a partida orzamentaria destinada a tal fin. A moción foi aprobada por unanimidade e correspondíalle ao grupo de goberno poñer os medios precisos para a súa aplicación.

Porén, en xaneiro de 2017 o noso concello segue contando co mesmo número de prazas: 20 no albergue de Cáritas en Monte Porreiro, só para homes, e as 12 mixtas que ofrece “Calor e Café” no centro. En total 32 prazas claramente insuficientes para un concello onde, durante o ano 2016, a Cruz Vermella, a través do seu programa de atención integral ás persoas sen teito, socorreu  106 persoas. (Cómpre invocar o exemplo de Vigo, onde o albergue de Teis, xestionado polos Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres, ofrece 220 prazas para persoas internas e sen teito, ás que o concello engade outras 50 prazas para homes e mulleres no albergue municipal da rúa Marqués de Valterra).

Un ano despois da moción da Marea e daquel acordo plenario, coa chegada dos fríos do inverno, en Pontevedra tivemos que lamentar o falecemento de dúas persoas, os días 2 e 6 xaneiro. Isto amosa que en todo un ano non se actuou coa necesaria dilixencia e coincide coa concesión a Pontevedra do premio Corazón de Pedra, outorgado pola Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais; un “galardón” que acredita a nosa como “única capital de provincia de toda España oficialmente pobre en gasto social”.

Esta situación, segundo o portavoz de Marea, Luís Rei, “fai que cada vez sexa máis urxente impulsar un xiro social no concello de Pontevedra”.

Para Marea, os cativos resultados das políticas sociais do concello non son alleos ao feito de que a concelleira responsable da área recorra de xeito case exclusivo a privatizacións encubertas dos servizos sociais, baixo fórmulas como convenios, subvencións ou contratos menores. Con iso facilítase que sexan distintas entidades e colectivos os que se ocupen de dar resposta ás necesidades das persoas en situación ou risco de exclusión social (necesidades que a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local, e a sentenza do Tribunal Constitucional de 3 de marzo de 2016, anulando diversos artigos da Lei Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, lles atribúe como competencia propia aos municipios).

Marea Pontevedra censura tamén que a concelleira responsable da área violase a lei de protección de datos ao desvelar, tras a morte do 2 de xaneiro, información reservada e confidencial sobre a identidade do falecido.

Finalmente, Marea quere lembrar que as persoas sen fogar son un colectivo heteroxéneo, de hábitos de vida e de obtención de recursos diferentes, e non deberan ser criminalizadas nin abocadas a deseños de servizos que non lles cadran. Entre as persoas sen fogar están as que dormen ó raso (rough sleepers), as que o fan en espazos como portais e caixeiros, as que ocupan infra-vivendas como chabolas ou chamizos, ou as que regresan ás súas cidades en días sinalados, sendo realmente transeúntes. Isto é o que non entende a concelleira do ramo, ao afirmar que son un colectivo único sen diferenzas e, o que é peor, ao invocar as “mochilas” que as persoas falecidas na nosa cidade podían carrexar. Sen dúbida, os servizos sociais están para darlles solucións ás distintas caras que presenta o problema das persoas sen fogar e non para xulgar os hábitos bos ou malos de cada quen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*