As Mareas da Ría inician o camiño ás municipais brindando pola xestión pública da auga

Iníciase aquí un camiño colaborativo que se expresará na mancomunidade da auga, eleccións municipais por medio, e a outras para o transporte ou os residuos, no medio prazo.

No Día Mundial da Auga, as mareas de Pontevedra, Poio, Marín, Bueu, Ponte Caldelas, Sanxenxo reivindicaron unha xestión pública e mancomunada do servizo de abastecemento de auga. Os colectivos cidadás teñen en en común recibirmos auga das mesmas captacións, no Rons ou no Lérez, a través de infraestruturas construídas por unha empresa pública (Acuaes) con recursos maioritariamente públicos europeos (ata o 70 por cento).

A respecto do ciclo da auga, anunciaron o seu compromiso de abrir outro tempo político, independentemente do que arestora fagan os gobernos xemelgos PP e Bloque. Berlín, Bos Aires, Nápoles ou París son exemplos de grandes urbes que, tras décadas de devastadora privatización, decidiron rescatar o control público da auga. Esta onda de recuperación para o público chegou a cidades e vilas do Estado e do país como Valladolid, Terrassa ou Teo.

A xestión pública garante a atención a criterios sociais e ambientais. Ofrece mellor servizo e de mellor calidade e permite un control permanente das infraestruturas. Ademais, contén ou baixa as tarifas.


AS MAREAS DA RÍA, NO DÍA MUNDIAL DA AUGA

Onte foi o día mundial da poesía. É dicir, de Rosalía. É dicir, da auga. Lembrade: “Adiós ríos, adiós fontes…” Hoxe é o día mundial da auga. É dicir, da encrucillada de ríos e fontes da nosa xeografía, no sur de Galicia. É dicir, de Pontevedra. Lembrade: “Dá de beber a quen pasa…”

É bo, a pé da Fonte da Ferrería, lembrarmos a importancia da auga: un 70 por cento da superficie do planeta, un 65 por cento do corpo de cada ser humano adulto. Non mandaba unha lóxica egoísta na organización tradicional das regas ou dos lavadoiros, cando a auga corrente nas casas nin sequera era un soño.

Non deixemos tampouco que, co abastecemento de auga estendido a todo ese Primeiro Mundo que nos inclúe, impere a lóxica do negocio. A importancia da auga para a vida non pode guiarse polo interese das grandes corporacións, que miran soamente por teren ganancias cada vez maiores.

Esa lóxica da conta de resultados e do reparto de dividendos esquece de xeito inxusto millóns de pequenas poboacións de continentes enteiros. Mesmo moitos lugares dos nosos propios Concellos carecen de abastecemento de auga ou de saneamento simplemente porque o de todos non se ordena e goberna desde o interese de todos.

As Mareas da Ría, por medio desta declaración, proclaman a súa vontade de loitaren, cada unha no seu Concello e todas nos de cada unha das demais, pola organización dos servizos desde o ben común. Defendemos aquí, simbolicamente, a xestión pública da auga. Mancomunadamente, desde cada Concello, agora mesmo. Na  Deputación vindeira, nun prazo xa breve. E tamén, a seguir, xuntos na Xunta.

A de hoxe é a primeira pinga dun río imparable. No día mundial da auga, o río da defensa do común desde o común.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*