As Mareas da Ría collerán o autobús

O concelleiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, a concelleira de Poio, Silvia Díaz, e o concelleiro de Marea Marín, Aarón Franco, defenden a necesidade dun transporte público urbano nas súas respectivas cidades e na área metropolitana que comparten.

As Mareas da Ria de Pontevedra compartiron está maña a demanda de mellorar a mobilidade das persoas nos seus límites municipais. Aarón Franco e Silvia Díaz avalaron a proposta elaborada polo equipo de Luís Rei para a cidade de Pontevedra como punto de partida para consolidar un transporte metropolitano que permita a cidadanía non depender do vehículo privado para desprazarse.

Se cadra o caso da Boa Vila é o máis significativo, pois é a única cidade galega que non conta con transporte público urbano, e tampouco conta con transporte metropolitano pese a ser obrigatorio por ter máis de 50 mil habitantes. Luís Rei incidiu na necesidade de que as administracións dialoguen para beneficiar ao conxunto da poboación, toda vez que desde Marea Pontevedra xa se leva feito o imposible para satisfacer esta demanda: ‘Xa introducimos no orzamento unha partida para o transporte metropolitano e xa presentamos unha proposta de transporte público urbano e nin goberno local nin Xunta de Galicia moven un dedo. Semella que Pontevedra terá que agardar a que gobernemos esta cidade para ter transorte público.

Aarón Franco subliñou que a sociedade debe contar con alternativas reais e sostibles ao transporte privado e que o transporte a demanda, que pretenden implantar no lugar dun modelo eficaz, é unha especie de especulación do transporte público. Con respecto ao transporte metropolitano amosouse distante coa actitude do goberno autonómica: ‘Estamos dacordo coa necesidade do transporte metropolitano pero non incondicionalmente. Estas propostas deben facerse desde unha perspectiva de país e involucrando a todos os actores posibles, desde os partidos políticos ata o tecido social’.

Na mesma liña pronunciouse Silvia Díaz que considera a iniciativa de marea Pontevedra como un punto de partida moi positivo para mellorar a mobilidade entre os Concellos e evitar que as veciñas de Poio non teñan que coller o coche sempre para ir ‘por exemplo a Montecelo’. Igualmete matizou que o problema do transporte é ‘secular’ e adiantou que votará a favor da adhesión do Concello de Poio ao transporte metropolitano: ‘A proposta da Xunta pode ser un punto de partida. O transporte metropolitano é básico e fundamental se queremos unha alternativa sensata e útil ao vehículo privado’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*