Aprobada a moción de Marea Pontevedra para crear unha ordenanza de protección animal

  • Na sesión plenaria deste venres, 27 de xaneiro, foron aprobadas as dúas proposicións presentadas de Marea Pontevedra (apertura dos xardíns da UNED e creación dunha ordenanza de protección animal). 
  • Tamén foron ratificados os orzamentos do Concello para este 2017, co voto en contra de PP e PSOE, o voto a favor do BNG e a abstención de Marea Pontevedra.

1.- Proposición do grupo municipal de Marea Pontevedra para propoñer ao padroado do centro asociado da UNED a apertura dos xardíns do seu centro en Monte Porreiro.

Monte Porreiro é o barrio máis poboado de Pontevedra. Con inxusto atraso moitas veces, pero en atención a esa densidade de poboación, as distintas administracións foron dotándoo de servizos (centro de saúde, instituto Luís Seoane, CEIP Marcos da Portela, Galiña Azul, centro cívico…) cos que se ían reparando carencias históricas.

Desde 1987 acolle as instalacións do Centro Asociado da UNED. Na vella finca de Villa Buenos Aires, son 22.000 metros, dos que a planta do edificio ocupa a sétima parte. Nas case dúas hectáreas restantes salientan árbores centenarias de gran porte, moitas exóticas: secuoias, teixos, faias púrpuras, brachichitos, araucarias… Conforman, en definitiva, un dos espazos arbóreos máis valiosos do noso termo municipal. O paradoxo é que, sendo de titularidade pública, permanece valado e non é accesible, contra o que é común cos recintos universitarios en todo o mundo.

Esa limitación sortearíase coa habilitación dunha porta de acceso, que poida pecharse durante a noite (como ocorre en Madrid co Retiro ou en Londres con moitos dos seus parques). En todo caso, manteríase a barreira que limita o acceso de vehículos a unicamente os autorizados polo centro.

Dado que con esa simple medida podería ese espazo de Monte Porreiro converterse nunha privilexiada zona de lecer da veciñanza, dado que o concello colabora desde a súa creación con este centro da UNED dun xeito decisivo (no orzamento de 2017, a partida para o seu sostemento é de 134.000 euros), e dado que o alcalde de Pontevedra é membro da Xunta de Goberno do Padroado que o rexe, o Grupo Municipal de Marea Pontevedra propón que o alcalde leve á próxima reunión da Xunta de Goberno do Padroado da UNED a proposta de abrir o xardín do centro en Monte Porreiro ao uso público.

Iso iría acompañado do encaixe no Orzamento Xeral do Concello dos gastos ocasionados polas obras necesarias, e mais pola busca dun acordo negociado entre as partes para o mantemento posterior do recinto en condicións axeitadas.

Moción

2.- Proposición do grupo municipal de Marea Pontevedra instando ao Goberno Municipal a impulsar a elaboración dunha ordenanza específica de Protección Animal.

Esta moción presentouse de xeito coordinado co inicio dunha recollida de sinaturas da asociación animalista Libera no portal Change.org, que xa recolleu preto de 17.000 sinaturas e segue en marcha.

Galicia conta desde 1993 cunha lei de Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, que regula a convivencia, posesión, utilización, exhibición e comercialización de todo tipo de animais, e que no seu artigo 11 “obriga aos Concellos a recoller os animais abandonados e retelos ata que sexan reclamados, acollidos ou sacrificados”. Os concellos das principais cidades galegas foron completando esa normativa coa aprobación das súas ordenanzas específicas (A Coruña e Ferrol en 1997, Vigo en 2000, Santiago en 2003, Lugo en 2005 e Ourense en 2010).

O certo é que en Pontevedra temos, desde 2013, un Bando de lembranza das obrigas dos posuidores de animais domésticos (con seis puntos nos que se insiste na prohibición de maltrato; o cal, por certo, parece incluír os envelenamentos). Mais tamén é certo que o noso concello carece da súa propia ordenanza, e iso fai que na actualidade se detecten eivas. Por exemplo, a ausencia dunha normativa específica que recolla a protección dos animais e vaia mais alá dos mínimos que marca a lei galega.

A ausencia dun servizo de recollida e dun protocolo de atención de animais abandonados, extraviados ou sen dono coñecido (problemática que vén denunciando a Policía Local en diversas ocasións, como consta no escrito rexistrado o 12 de xaneiro deste ano). A ausencia de campañas de sensibilización sobre a protección, coidado e abandono de animais, ou o incremento ano tras ano de animais abandonados (dos que se fai cargo unha entidade sen ánimo de lucro: Os Palleiros),

Entendemos, por tanto, conveniente impulsar a elaboración dunha ordenanza municipal específica de protección animal e convivencia, en cuxa redacción deben participar os servizos municipais correspondentes e mais as entidades protectoras de animais, como Difusión Felina ou Os Palleiros.

Moción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*