Alexandra Fernández pregunta no Congreso dos Deputados polo escudo franquista da Audiencia Provincial de Pontevedra

A deputada de En Marea rexistrou a pregunta despois de que o pleno do Concello de Pontevedra aprobase, por unanimidade e a proposición de Marea Pontevedra, solicitar a súa retirada en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. 

Pasadas catro décadas do fin da Ditadura e con corenta anos de vida en democracia, de xeito inexplicable, en Pontevedra persiste xusto no lugar onde se imparte a Xustiza un escudo que se debe considerar como toda unha afronta á memoria das vítimas do réxime franquista e, á vez, todo un despropósito histórico e democrático necesario de reparar.

En xullo de 2006 entra en vigor a Lei de Memoria Histórica, que establece que os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal do levantamento militar, da represión ou da propia ditadura deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos.

Coa legalidade do lado da democracia, a deputada de En Marea, Alexandra Fernández, recolleu a iniciativa de Marea Pontevedra e preguntou nas Cortes Xerais se o goberno do Estado ten pensado garantir o cumprimento da lei e, en caso afirmativo cando se fara efectiva a retirada (Ver pregunta completa)


ORIXE DUNHA ANOMALÍA DEMOCRÁTICA

A relación do Concello de Pontevedra, como institución, co proceso de asentamento desta infraestrutura xudicial é directa xa que a corporación non democrática, nese momento presidida polo alcalde González Posada, cede en 1948 gratuitamente ao Estado Español a finca onde se vai construír o Pazo de Xustiza, anteriormente ocupaba polo denominado “Cárcere vello”.

Igualmente é de subliñar que a Deputación de Pontevedra aproba en marzo de 1954 achegarlle ao Estado a cantidade de 1.000.000 de pesetas para contribuír á construción efectiva dun edificio que finalmente sería inaugurado coa presenza de Antonio Iturmendi Bañales, ministro de Xustiza da Ditadura e quen, no discurso oficial de apertura, non mostrou reparo en destacar que o xeneral Franco aseguraba “la permanencia del principio político de la independencia de la función judicial en forma de que en ningún otro país nos supera”.

O autor desta frase, Iturmendi Bañales, que sería ministro de Xustiza da Ditadura durante catorce anos, creador tamén do traxicamente celebre Tribunal de Orden Público en 1963, e mais presidente das Cortes franquistas, deixa pois inaugurado na cidade un Pazo de Xustiza que na súa fachada inclúe en pedra un escudo pleno da simboloxía da Ditadura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*