Marea promoverá un goberno de progreso sustentado nas políticas sociais e de rexeneracionismo democrático ausentes no goberno de Lores 

Marea Pontevedra, a primeira marea urbana en asinar o acordo con En Marea para as eleccións municipais de 2019

Nun acto que tivo lugar na Casa da Luz de Pontevedra, con representantes das mareas veciñas e veciñanza da cidade, Marea Pontevedra avanzou un paso máis no camiño19 , asinando o acordo de cooperación con En Marea para as municipais do vindeiro ano. Antes de que Peque González e Ana Seijas puxeran as súas respectivas sinaturas no documento, Luís Rei e Luís Villares defenderon un traballo colaborativo que permita mellorar. Despois, as asistentes disfrutaron do concerto de Xosé Constenla.

Peque González, coordinadora de Marea Pontevedra, e Ana Seijas, viceportavoz e responsable de política municipal de En Marea, rubricaron o acordo de cooperación para as eleccións locais do 2019 entre ambas organizacións. “Con este paso Marea Pontevedra convertese na primeira marea urbana en protocolarizar a participación nunha alianza electoral que sumará aos resultados locais influencia no ámbito das deputación provinciais”, dixo Ana Seijas. A viceportavoz de En Marea subliñou que con este acordo En Marea non pretende tutelar ás mareas locais senón ofrecer un espazo de colaboración para ir tecendo un marco de cambio a nivel nacional.

Pola súa banda a coordinadora de Marea Pontevedra sinalou que precisamente o acordo EntreMareas serve para dicirlle á opinión pública que isto “non vai de delegacións locais dun partido tradicional, nin de mareas urbanas ou rurais, grandes ou pequenas, senón de cooperar entre iguais para poñer en común as demandas de cambio cidadá nos concellos, en Galicia e, asemade, tamén en Europa”Peque González considera que Marea Pontevedra é unha ‘referencia consolidada para os pontevedreses e nese senso as próximas eleccións só haberá dúas alternativas: o goberno conservador liderado por Lores ou a Pontevedra dinámica, aberta e transparente liderado por Luís Rei’.

Luís Villares e Luís Rei, acompañados de mareantes da cidade, de dirixentes de mareas da ría e de representantes sociais, fixeron unha declaración no #Camiño19 de cambio nacional, democrático e cidadanista para Pontevedra. O candidato á alcaldía de Pontevedra por Marea Pontevedra destacou que ‘as axendas de xustiza social e democráticas van centrar, xa o están facendo, os debates da cidade: saneamento integral da ría, transporte público, renda social, modelo de deporte, remunicipalizacións, dereitos dos animais, rexeneración democrática’

Marea Pontevedra deu probas de responsabilidade facilitando a aprobación dos orzamentos de 2017 e 2018, pero os incumprimentos do Bloque retratan un modelo de cidade que desiste de atender os esquecidos: desempregados, familias en situación de risco, barrios e parroquias abandonados e sen servizos. A solución aos problemas pendentes da cidade non vai vir nin dun goberno que leva varios mandatos anquilosado, nin do seu eterno antagonista auxiliar, un PP sumido nunha descomposición similar á que a UCD viviu en 1982.

A ausencia de maiorías absolutas conducirá a un goberno multicolor que non poderá estar presidido polo mesmo equipo que privatiza servizos, abandona o rural ou utiliza de xeito caciquil a administración, e Marea Pontevedra abandeirará a superación do estado de desidia actual. En 2019 promoveremos un goberno de progreso cun programa que será contundente desmontando o armazón das políticas antisociais deste derradeiro mandato de Lores.

Soamente as forzas que emerxeron na presente lexislatura poden ter credibilidade suficiente para darlle unha saída á actual situación. Para as persoas que queiran elixir municipalismo, progreso social e participación real a opción ten que ser Marea. Que xunto coas demais mareas da ría, Marea Pontevedra vai definir un modelo mancomunado de servizos públicos na área metropolitana, fronte aos modelos localistas.

O voceiro do espazo do cambio, Luís Villares, que pechou a quenda de intervencións antes da rúbrica do acordo, destacou que coa firma “inauguramos a república do mar, porque non somos nin nós nin vos, somos o conxunto das pingas da auga que quitan a sede”, incidiu antes de lembrar que este acordó representa uns dos principios republicanos “a unión fai a forza”. O voceiro de En Marea reseñou por último que “este é un espazo no que non se admiten diferenzas, só a diversidade, e hoxe enchemos un mar completo dende a igualdade porque é esta unión a que nos fai fortes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*