A primeira sesión das xornadas “Para que nós serve a ría” céntrase nas múltiples agresións que padece o litoral de Pontevedra

A sesión do venres das xornadas organizadas por Marea Pontevedra na Praza dos Praceres contou con dúas mesas de debate, unha sobre as diferentes agresións da Ría e outra sobre a prórroga outorgada o ano pasado a ENCE, ademáis da proxección dunha peza audiovisual dirixida por Lukas Santiago. As asistentes gardaron un minuto de silencio na memoria do veciño Luís Patiño.

A primeira mesa estivo moderada pola coordinadora programática de Marea Pontevedra Herminia Dios e contou co voceiro de Marea pontevedra, Luís Rei, coa eurodiputada de Podemos, Estefanía Torres, e co membro da Plataforma Pola Defensa da Praza dos Praceres, Jaime Acuña.

Luís Rei abriu as xornadas lembrando a soidade política de Marea na defensa da recuperación integral da ría de Pontevedra. Porén o escritor defendeu que esta situación aínda está a tempo de ser revertida: “Estamos a tempo de convencer a outras forzas políticas de que o problema non é unicamente ENCE, tamén os recheos, a EDAR e a autovía, entre outras”

Un tono moi distinto tivo a intervención de Jaime Acuña, membro fundador da plataforma que gañou as sentencias contra o ferrocarril e os recheos do Porto, que no seu papel de anfitrión contou ás asistentes todas as experiencias vividas desde que o proxecto do ferrocaril que divide a praza foi levado a cabo fai algo máis de 17 anos. Por riba de todo, nun escenario propicio, denunciou o silencio político de todas as forzas ante a situación da EDAR: “En pontevedra non hai depuración de augas residuais, o que hai é entubaxe: merda por un tubo”

Para rematar a mesa, a eurodiputada Estefanía Torres explicou a lexislación ambiental europea e como esta castiga a Ría de Pontevedra por non cumprir coa mesma, algo que provoca que entre todas teñamos que pagar as multas derivadas dunha mala xestión. Pese a todo amósase optimista de cara ao futuro emplazando a veciñanza a rebelarse ante esta situación. “a conciencia colectiva é a que pode conseguir que non nos sigan roubando o que é de todas”

A segunda mesa estivo moderada pola secretaria de Peque González que abriu lendo cun fragmento de “fillos da barricada”, un proxecto web que pretende narrar a realidade que padece a parroquia máis castigada de Pontevedra. Nela participaron Enrique Acuña (historiador e editor), Antón Masa (APDR), Paco Díaz (Salvemos Pontevedra e Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego.

O primeiro fixo un percorrido histórico da loita social contra ENCE desde que esta chegou no franquismo ata a prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy o pasado ano. Incluso chegou a desmentir que no seu día non houbera indicios do que a industria pesada ía supoñer para a comarca: “Existen probas de que os enxeñeiros franquistas sabían o perxudicial que ía ser a celulosa para a Ría de Pontevedra”

O voceiro da Asociación Pola defensa da Ría (APDR), Antón Masa abordou o tema da autorización ambiental integrada que a Xunta de Galicia concedeu ilegalmente á industria e dos verquidos altamente tóxicos que Ence verte a Ría de Pontevedra. Curiosamente, matizou que aínda non está acorde a dereito: “Aínda hoxe non cumpre a lexislación ambiental pese as facilidades outorgadas polas administracións autonómica e estatal”.

Isabel Vilalba lembrou que a eucaliptización de Galicia afecta dun xeito moi dañino ao monte galego, pois o beneficio a curto prazo das plantacións de eucaliptos provoca a desaparición dos montes comunais: “As propiedades de terra máis grandes no país son os Montes Comunais en mancomún”

Paco Díaz lembrou que desde o seu colectivo, Salvemos Pontevedra, nunca loitaron contra ENCE nin contra ningunha das agresión a Ría de Pontevedra senon que sempre foron contra un Estado e unha administración que non vixila que a legalidade vixente sexa cumprida polas empresas que operan na Ría.

De cara a sesión de mañá Marea Pontevedra ten organizada outra mesa redonda para falar do futuro da Ría de Pontevedra na que intervirán a concelleira de Marea Pontevedra, Carme Moreira, o economista e profesor da USC, Gonzalo Rodríguez, o sociólogo e urbanista, Daniel Pino e o voceiro do Grupo Parlamentar de En Marea, Luís Villares, ademais dun roteiro polas zonas máis críticas da parroquia.

photo_2017-03-31_19-31-19 photo_2017-03-31_19-32-00 photo_2017-03-31_19-32-24 photo_2017-03-31_19-33-02 photo_2017-03-31_19-33-19

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*