A irresponsabilidade do Bloque de Lores vaille directamente ao peto a todas as veciñas de Pontevedra

©Fotografía de David Freire

O Concello de Pontevedra terá que pagar as custas do proceso xudicial pola sentenza desfavorable dos crematorios.

En lugar de facer autocrítica pola súa falta de diálogo, o goberno prefire botarlle a culpa a veciñanza que defende os seus dereitos.

O Concello de Pontevedra terá que pagar, e o fará cos cartos de todas as veciñas de Pontevedra, as custas polo proceso xudicial dos crematorios. Un xuízo que podería terse evitado se o goberno amosara a máis mínima intención de dialogar e aceptara a súa tarefa velar polo interese xeral da veciñanza. Así o manifestou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

Por todo o exposto, en nome do rei, pola autoridade que lle confire a Constitución, esta sala decidiu estimar o recurso contencioso-administrativo interposto polo procurador Jorge José Astray Suárez, no nome e representación da Plataforma de Crematorios Non en Pontevedra Leste, contra a Orde do 26 de decembro de 2014, publicada no DOG do 4 de febreiro de 2015, sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana de Pontevedra, para establecer e regular o uso do crematorio; e anulamos a disposición impugnada. Con condena en custas á parte demandada e codemandada dentro do límite referido na fundamentación xurídica da presente resolución.

Non é a primeira sentenza desfavorable que repercute nas contas municipais, pero si podería ser a primeira que aparecera na web municipal acompañada da súa contía. Sería un exercicio de transparencia e de saúde democrática e, ademais, permitiría coñecer de primeira man as consecuencias da ‘cabezonería’ do Bloque de Lores.

No lugar de facer os deberes, o executivo local segue coa súa estratexia de descargar as culpas na parte máis afectada, os veciños e veciñas de Pontevedra que, pola inacción do goberno víronse obrigadas a recorrer a vía xudicial baixo continuas vexacións dos seus representantes públicos, moi amigos de tirar a pedra e esconder a man. Porque se algo está claro, sen ningún tipo de dúbida, é que a veciñanza tiña razón. Non o di Marea Pontevedra, que estivo coa xente desde o comezo, o di o Tribunal de Xustiza de Galicia.

VER ANUNCIO DA XUNTA DE GALICIA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*